A deliciosa teima pola sinxeleza de Ceibe (Ourense)
Dicía Xosé Magalhaes ao servir o polbo á feira que, en cinco anos de Ceibe, nunca se atreveran a poñelo no menú. Que na súa teima por manter as receitas sinxelas ao máximo non atoparan xeito de mellorar a tradicional, a de toda a vida. Tivemos sorte de estrear o restaurante ourensán cando xa decidiran dar ese paso, porque aqueles cachiños de polbo sabían a gloria.
Foi, de feito, ese prato o que abriu unha secuencia de catro que expresan de marabilla o que fan en Ceibe: a pescada, impecable, melosa – “un dos peixes máis denostados en Galicia”, dicía Xosé – levaba a vinte e cinco anos atrás, a esas cociñas de Compostela e Poio que comezaron todo; igual, cada un ao seu xeito, o chipirón e o peixe-sapo á brasa. Os catro sinxelos, os catro inmaculados, delicados, deliciosos.
O menú Esmorga de Ceibe é longo. Comezáramos con vexetais e mariscos – tremendo o carneiro – e pechamos o salgado redobrando a aposta: caza – corzo, xabarín – e porco – orellas, claro, e unha versión do cocido galego – que, porén, resultaran máis levadeiros do que se podería pensar como remate de case unha vintena de pases.
Moi interesante tamén a escolma de viños. Ficamos moi preto, en Carballeda de Avia, cunha pequena xoia de Pepe Pereiro, de Viñedos do Gabián.
Comentarios