Alén do lumbrigante no Pirixel (Arteixo)
Teño falado por aquí do Pirixel, pero case sempre do que fan co lumbrigante: arroz e salpicón espectaculares. Obviamente, o restaurante é moito máis que iso.
O domingo pasado, no medio do trebón (que ondas en Barrañán!), achegámonos tomarlle algo á brasa, todo do mar. Os berberechos e os mexillóns estaban no seu punto perfecto: estouraban na boca cun lixeirísimo arrecendo a fume. Non sei que me pasa ultimamente con berberechos e mexillóns, pero xa os poño mesmo por enriba dunhas boas ameixas que chegaran despois.
Para o peixe, había robaliza, peixe sapo, pero fomos polo sanmartiño: sinxelo, ben cociñado, porque cando se manda ben na grella, non fai falla complicarse.
Entón, con moi boa nota en lumbrigante e peixe á brasa, a próxima visita a este recanto da costa arteixá será a quenda das carnes. Non teño moita dúbida do resultado!!!
Comentarios