Tresde (Madrid): unha mostra máis da sobresaínte oferta lonxe de focos, estrelas, redes.
Nova escapada a Madrid e nova procura de restaurantes que voan por baixo do radar, sen desmerecer – en bastantes casos ao contrario – a calidade dunha cidade que vai medrando nese aspecto e sen caer na tolemia dunha escena da restauración ben inflacionada (o caviar é o novo balsámico, vaia).
Asociamos a innovación a criar cousas novas. Pero tamén vai de reinventar – mellorando, claro – as que xa existen. E na Cava Alta, na Latina, o restaurante Trèsde ten reinventado o menú do día. A fórmula EPP (Entrada, Prato, Sobremesa) permite escoller unha das tres opcións dispoñíbeis en carta para cada paso por un prezo moi comedido, coa posibilidade de engadir algún snack de aperitivo.
Carta tan reducida como ben coidada, do produto do día á cociña, comezando polo pan e rematando polos viños. Como eramos tres, conseguimos probar todo.
Comezamos cunha moi boa anchoa. Do carallo o nivel das entradas: nos vexetais é onde mellor se move a cociña de Trèsde. Fantástica a crema fina de patacas con portobello e xeado de boletus: era comerse o outono; tamén moi bos tanto as alcachofas con velouté ibérica e ovas de troita como os canelóns de cabaza e paté de ave, con cogomelos e bechamel de castañas. Non podíamos pedir máis estación!
Nos principais, un notable rodaballo con kale, polbo e suprema de pularda rustida, todos cos seus fondos, cos seus vexetais ben presentes. Táboa de queixos e a tartaleta do día de sobremesas. E, facendo terra, un Guímaro Meixemán na copa.
Unha mostra máis da sobresaínte oferta na capital lonxe dos focos, das estrelas, das redes.
Comentarios