La Mesa de Conus (Vigo): moito máis que unha proposta diferente
Agardaban pacientes os pratos cos ibéricos a que os últimos comensais ocuparan as cadeiras libres na barra de dez – só dúas mesas adicionais – e a que as bebidas foran escollidas. Cando todo estivo pronto, Víctor Conus silenciaba a música e daba comezo ao menú, servido ao mesmo tempo a tódolos asistentes, cos xamóns e embutidos da empresa familiar e cunha señora croqueta.
Volta a Galicia – todo á vista, todo na barra – con pratos construídos arredor do produto, onde os fondos e as salsas fan a diferenza: profundos, intensos, cheos de matices, protagonistas do menú da La Mesa de Conus; o máximo expoñente, as fabas e o pilpil que envolvían ao mero, magníficos.
Antes, unha versión en raviol do cocido, de novo cun fondo sobranceiro; igual de diferente a aproximación á vieira, cunha carbonara do seu coral, millo torrado e ovas de arenque; ou, claro, o porco: abanico con puré de castaña e mollo de carne.
Eu, que son máis de salgado que de doce, agradecín moito que as sobremesas combinaran ambos sabores: o tomate e aguacate cos torreznos, por unha banda, e o Savel de Airas Moniz ralado sobre un xeado de oloroso. Ben frescos, ben sabedeiros, ben notables.
Gústalle a Víctor xogar co viño. E nós entramos ao trapo, claro. Démoslle o perfil que nos gusta e serviunos a cegas. Gostei moito da escolla: un tinto atlántico de Cambados Urban Winery, feito no Salnés con espadeiro, caíño e mencía.
En fin, La Mesa de Conus non é só unha proposta diferente. É unha proposta sólida, onde saben moi ben o que fan e nótase en cada prato. Unha proposta para gozar da barra.
Comentarios