Atelier de Amanda (Mera, Oleiros): unha benvida novidade
Discreto, por tras da primeira liña de praia de Mera, nunha ruela protexida dos fodechinchos, atópase o cálido recuncho que é o comedor do Atelier de Amanda. Abriu hai pouco máis de seis meses nunha zona, Oleiros-Sada, que non está precisamente sobrada de opcións.
Así que saímos de casa cun “hai que coñecelo” na cabeza e, a metade de xantar, xa estaba instalado o “hai que volver”. Porque a cousa está ben chula, tendo en conta ademais que é un proxecto aínda novo.
Fomos polos mariscos nas entradas. Un sashimi de vieira co contrapunto dun aderezo un chisco picante, que lembraba ao pebre chileno; un notable salpicón de centola, con ese aliño neutro que non agocha o sabor do becho; e uns ourizos con velouté tostada moi bos.
Acertados puntos e fondos sabedeiros nos principais: o mollo das súas espiñas e tinta coa robaliza, a crema de castañas coa presa (ben rosadiña, como ten que ser); tamén un lomo de vaca. Carta de viños curta con cousas interesantes, como o Finca Misenhora de Casal de Armán.
Vaia, que é unha moi boa noticia que xurdan proxectos de interese nesa contorna de costa tan necesitada deles. E que, ademais, quédanme ben preto da casa... 😊
Comentarios