Asador O Pazo (Padrón): un restaurante superlativo
Di o gran Ignacio Medina que hai que ter moito coidado cos adxectivos; que os textos gastronómicos camiñan sobre un campo de minas sementado de superlativos. E estou completamente de acordo con el. Pero, carallo, non atopo xeito de falar do Asador O Pazo sen superlativos.
Da miña visita anterior, nun frío e chuvioso día de Febreiro, escribía sobre o fío condutor dunha cea en O Pazo, ese punto de brasa tan difícil de acadar: presente na textura do peixe, do marisco, da carne; presente no cheiro, no afumado; pero só sutilmente presente, o suficiente para mellorar un produto xa de por si magnífico.
O domingo, desta vez xantar nun día de sol, volvemos deixarnos levar por ese fío condutor, en grado máis superlativo se cabe. De principio a fin, da manteiga e o lardo da casa até a costeleta de rubia galega, esta última cun punto dunha precisión que só teño visto noutro lugar superlativo, o Divino Steakhouse.
Polo medio, unha andaina polo mar – da lura ás navallas, da vieira á cherna – con dous momentos... superlativos: a mestura da caca do centolo con ourizo e un tronco de lumbrigante meloso, sedoso, abraiante. Houbo tempo tamén para algunha desviación polo campo, moelas e ovos da casa. Por se fora pouco, a escolma da adega é tamén desas.
En fin, supoño que por iso Ignacio Medina é quen é e eu son quen son. Tentarei ter máis coidado cos adxectivos, pero non desta vez.
Comentarios