2024: As mellores aperturas en Galicia


Despois de repasar os mellores restaurantes do rural, imos agora coas novidades, con aqueles restaurantes que abriron nos últimos meses e que xa foron quen de captaren a atención, a de moitos e a miña en particular. Vou falar, principalmente, da Coruña e arredores.

Comezo con Pedra Furada, local moi preto da praia do Orzán, cunha cociña de produto ben voltada para o mar e a personalidade de Andrés Ariza manifestada en pratos que – apenas un ano despois de abriren – xa son clásicos, como a vieira con aliña de polo e coliflor.

Outra das grandes novidades é, en realidade, un retorno. O de Chechu Rey, quen abría Gunnen en Matogrande aló polo inicio do verán. A paixón, as gañas e os pes na terra de sempre, cunha cociña que recolle toda a bagaxe de máis dunha década noutras ocupacións dentro da gastronomía.

¡Que ben que se vaian asentando as opcións xaponesas na cidade! A boa noticia do ano (en realidade, de finais de 2023) foi a apertura da pequena izakaya Caballa 14 na rúa Orillamar. Bo peixe, bo marisco, bo tratamento, mollos e adubos acertadísimos.

O descubrimento máis recente, hai apenas uns días (pero a tempo para poder estar nesta relación), ten sido o Atelier de Amanda, en Mera. Unha cálida sala que acolle, desde hai pouco, o proxecto de Amanda e Summa Breogán, quen reflicte na súa cociña unha traxectoria máis que interesante.

Pecho cun restaurante que nin está na Coruña nin abriu este ano (fíxoo algo antes, a mediados de 2023). Pero, como xa falei no post sobre os restaurantes do rural, en Banzas (Outes), Eva e Fernando teñen un proxecto moi xeitoso: O Secadeiro. Baseado nas hortas (en plural: a do propio restaurante, as da bisbarra, as doutros lugares cando o produto vale a pena), acadan cousas como deixarme tolo cun prato do humilde repolo despois dun menú degustación ben destacado.

¡Oxalá 2025 traia novidades deste nivel!


Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar