Terra (Fisterra): relevo xeracional no fin do mundo
É abraiante o que está acontecendo en Fisterra, as cousas interesantes que están xurdindo alí. Aproveitamos un fin de semana longo cun tempo estupendo – 22 graos e nin unha nube en pleno novembro – para volver a locais que xa son clásicos para nós e saldar algunha débeda, como a que tiñamos co Restaurante Terra de Brais Pichel.
E alá fomos, nunha noite de manga curta, a ese pequeno e cálido comedor de madeiras claras, pouco máis dunha ducia de comensais. Fomos a gozar do produto do lugar, do día, preparado dun xeito que fuxe do tradicional pero que, especialmente a través dos fondos, contén a presenza dos outros elementos para non restar o merecido protagonismo daquel.
Moito mar, claro: lura, albacora, mexillón, xurelo (fantástico con esas fabas), robaliza; o año e o centeo en representación da terra. No inicio e no final, o máis sinxelo: o pan de Panadería Germán e o queixo.
Outro relevo xeracional, outra aposta por unha vila, outro proxecto que marca o camiño.
Comentarios