Landúa (Mazaricos): vale moito a pena a viaxe ao medio de ningures
De Coristanco, de Fisterra, de Barallobre, de Santiago. Todo o produto que chegaba á mesa tiña o seu apelido. As cenouras baby si eran da propia horta. Non hai moito máis Km 0 en Landúa porque é imposible, porque arredor do restaurante case non hai nada, puro rural (os últimos cincocentos metros son por unha pista de terra).
E aí, literalmente no medio de ningures, unha cociña que cativa, como cativan as paisaxes da fervenza do Ézaro a só uns poucos quilómetros. Un menú, desta vez, ben outonal, con predominio de horta e mar, tamén presenza do monte. Estupendas as vieiras en salsa do seu coral, as verdinas con pilpil e peles de bacallau, os dous pratos de cogomelos, o punto tanto do salmonete como da pescada. E un viñazo, o Bastardo 2016 de José Luis Mateo.
Cinco mesas. Alberto na cociña. María chanzos arriba e abaixo sen perder o sorriso. Eles sós. Único menú de dez pratos. Carta de viños notable. E unha contorna natural preciosa arredor. Vale moito a pena a viaxe ao medio de ningures.
Comentarios