Unha nova visita ao Fragón (Fisterra)


Trato de ser o mais obxectivo que podo con todo o que conto por aquí, se é que se pode ser obxectivo ao expresar gustos gastronómicos. Conto o que me gusta moito, tamén o que me gusta menos pero coido que vale a pena. Normalmente, fuxo de contar o que non me gusta: ao final, isto é para pasalo ben, ¿non?

Pero non sempre o consigo, porque hai lugares, viños, produtos aos que, confeso, sucumbo, réndome.

Un deses lugares é O Fragón.

Por todo. Polo agarimo que destilan en todo o que fan, do mar ao prato: parece que coñeceran cada ostra, cada ourizo, cada sardiña, cada lura que chega á súa cociña; a cada mariñeiro, a cada mariscadora, a cada labrego, a cada redeira da bisbarra que participa no proceso. Pola súa teima en aproveitalo todo, xa sexa para patés, para aceites, para darlle unha volta a aquela receita. Pola súa amabilidade. Pola paisaxe desas inmensas xanelas á ría de Corcubión, ao Pindo, á praia Langosteira. Pola escolma de viños.

E pola cociña, claro.

Desta vez, sobranceiras as vieiras co seu coral e figo; o salmonete co seu fígado; e os mexillóns con mans de porco e fabas de O Rostro. Tamén houbo ostras con médula, sardiñas do xeito, chipiróns, albacora ou ameixón. E un Espadeiro monumental dos parcelarios de Eulogio Pomares.

Non estou sendo obxectivo, seino. Pero tanto ten, facédeme caso 😊

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar