Solvencia e oficio en Salitre (A Coruña)
Achegouse un par de veces a camareira para ver se rematáramos os entrantes. Iso era sinal de que o arroz xa estaba a piques. Se hai algo innegociable en Salitre é que o arroz chega como ten que chegar, no punto exacto. Así que apuramos o último anaco de cecina e axiña chegou a paella co arroz negro. Efectivamente, perfecto o punto, sabedeiro a máis non poder, impoñente o fondo.
Antes, ademais da cecina, unha espectacular empanada de mexillóns. Masa e recheo impecables. esta empanada mostra que o que fan en Salitre, máis que actualización ou posta ao día da cociña galega, é o seu perfeccionamento último. Coa de Bido, a mellor da cidade para min. E, por esta vez, non vou esquecer a sobremesa: xeado de requeixo da Capela, con mel e noces.
Vaia, quen queira localazo, vista ao mar (agora sen coches diante trala reforma do paseo marítimo), cociña sen sobresaltos e xente que sabe moi ben o que fai – a experiencia é un grao – esta opción non da para errar.
Comentarios