A proposta convincente de Charlatán (A Coruña)


Non o souben até moito despois, pero coñecín a Daniel Portillo nun inesquecíbel xantar a pé de area no verán do 2013 no @loxemareiro, capitaneado entón por Iván Domínguez e Iago Pazos.

Anos máis tarde, cando moraba en Latinoamérica, as visitas anuais á Coruña tiñan sempre unha parada obrigada no NaDo, para gozar da militancia atlántica: aí foi cando aprendín que a man dereita de Iván era o mesmo que, de crequenas, grellaba as navallas na mesma beira do mar de Carril.

Agora, Dani dirixe desde hai uns meses a cociña do Charlatán, a apenas uns metros do seu anterior fogar. Xa asentado, fómoslle probar a proposta de outono. Moi interesante o balance entre a aportación da bagaxe persoal, do aprendido e o mantemento do carácter do local, do que ten sido Charlatán desde que chegara, aínda novo.

Así, por unha banda, están os fondos substanciosos, os mar e terra, os puntos precisos: o contrapunto do codium coas tenrísimas verdinas, o conxunto dos pratos de vieira e peixe sapo, o flan meloso; están tamén, por outra, os porros asados, o velo de touciño acompañando a uns carnosos boletus. Talvez a pluma, ben acompañada polo apionabo, precisaba menos cocción.

En síntese, unha proposta convincente, vaia. Reforzada, ademais, por unha carta de viños igual de atractiva.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar