Bendito egoísmo no Balado (Boqueixón, A Coruña)


Cando saes do coche e vas abrir a cancela que da acceso á casa que acolle O Balado, pintada en amarelo sobre a madeira podes ler a seguinte mensaxe: “Por favor, deixen a cancela pechada para que non saian os animais.”

Non atopo un xeito máis certeiro de describir o espírito do Balado, ben perdido no concello de Boqueixón. Ben perdido e ben consolidado tras xa moitos anos. Di Roberto que é todo froito do egoísmo, porque agora el e Marta fan o que queren, como queren e cando queren. Eu coido que algo de denodo tamén ten que haber.

Dun modo ou outro, cómese moi ben no Balado. O menú Viaxe (hai outro máis curto) foi aínda ben de verán: gazpacho con xeado de pementos de Padrón; anchoas; foie de parrulo con xeado de pexego, moi bo; bonito marinado con figos; croquetas de boi de mar; cebola en tempura, cada vez a cebola máis presente nas cartas como protagonistas; cabaciña con ovo, escuma de pataca e trufa de verán; pescada con pemento e carrilleira de porco celta.

Para o viño, conversa con Marta e escolla na mesa. Por saírnos dos carreiros máis trillados, fomos por un sousón e brancellao de Valdeorras, o Trebón de Adega da Pinguela

Un nome máis para engadir á lista dos lugares nos que vale a pena perderse.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar