A Fonte da Saúde (Cambre): ¡imos tomarlle un viño!


Coido que, en xeral, cando relatamos, contamos experiencias de calquera tipo, xa sexa en conversas con amigos ou nas redes, tendemos a infravalorar as referencias próximas, cotiás.

Seica non é infravalorar, nin tampouco esquecer, pero desde logo non facemos xustiza a eses lugares que, probabelmente, son os que máis frecuentamos. No caso do comer e do beber, os de “imos tomarlle un viño a...”, eses mesmos.

Cando hai uns meses volvemos á terra, descubrimos case por casualidade A Fonte da Saúde, alí medio agochada do lado do paraugas do Burgo, cun pé en Cambre e case outro en Culleredo. Desde entón, é o lugar polo que máis temos pasado, xa sexa para xantar, cear ou simplemente petiscar algo.

Iso acontece por tres motivos. Porque fan unha comida sinxela, da de sempre, honesta. Porque a escolma de viños que ten Alex é desas, das que da para beber e para falar todo o que queiras. E porque o trato de Carlos, de Patxi, de Suso, de todos alí é agradábel, atento, carallán no punto xusto.

Hai uns días fomos uns amigos á A Fonte da Saúde a tomarlle un viño a Alex. Coa súa axuda, fóisenos un pouco a man. Pasaron por alí Luis Anxo, Rodri e Raúl, Chicho, José Luis; bebemos treixadura, torrontés, lado, albariño, merenzao, pinot noir, negramoll, tinta fina; comemos xoubiñas, mexillóns, volandeiras, empanadas, tortilla; caeu algún fino antes e algún doce despois. Démonos un festín, vaia.

Cóntoo aqui porque non é preciso saírse do cotiá para poder contar o que merece ser contado.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar