Bar Timón (Ferrol): o último proxecto dun pioneiro


Acabamos de recibir a boísima noticia da reaparición de Chechu Rey á fronte do restaurante Gunnen na Coruña, un local con só tres mesas e, ademais, fóra do centro da cidade. Xa estou tardando en ir.

Non é, desde logo, o único restaurante de pequenas dimensións que permite manter un proxecto persoal, vocacional, de cociñeiro: 55 Pasos, Millo ou Taberna Triay son outros bos exemplos. Pero parece que ten chamado a atención.

Ven todo isto a conto da recente visita ao Timón Bar, en Ferrol. José María Jordán, a semanas de se xubilar (boísima noticia para el, supoño; non tanto para nós), xa rexentaba a Casa de Comestibles da rúa San José hai case quince anos “a escala humana”: se non lembro mal, máximo de dezaseis comensais, cociña co que trouxera o mercado cada día e lousa a modo de carta.

Basicamente, a mesma filosofía que mantén no Timón Bar, no que tamén perduran parte dos mobles e da decoración do local coruñés. O resultado segue sendo excelente. Desta vez, da lousa escollemos un punzante sashimi de pargo con mollo cítrico a base de lima; estupendo bonito á feira; steak tartar co punto certo de aliño; tosta de sardiñas curadas con salsa tártara; e unha boa robaliza á bilbaína.

Non deixedes de irlle tomar a penúltima a José María.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar