O compromiso co auténtico de Millo (A Coruña)


A carta, unha ducia de pratos, chega acabada de facer: escrita a man, a boli negro, cos prezos remarcados en rotulador vermello. A de viños, nin sequera existe: a escolla pasa por unha conversa con Marc, tres ou catro botellas que veñen á mesa, debate e decisión. Nos altofalantes, música ultra-alternativa.

Dalgún xeito, unha declaración de principios, un compromiso co auténtico, co local, co sincero, co momento, co diálogo. Que se converte na mesa nunha mestura de clásicos e non tan clásicos do restaurante, de pratos máis preto do acostumado na cidade e doutros máis persoais.

Fomos claramente pola beira fresca, polo verán, agora que comeza a rematar. O bonito, apenas marcado, con piparras e auga de tomate; tamén, a xeito de tartar, sobre unha estupenda ensaladilla; a sardiña, en escabeche con froitos vermellos e queixo; e, para pechar moi ben os salgados, os pappardelle con steak tartar e alcaparras fritas. Un tiramisú no apartado doce e Sin Palabras 2013 na copa.

Pratos baleiros, espontaneidade, diálogo. Un convite a retornar ao Millo.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar