Fondos e guisos no Árbore da Veira (A Coruña)


Eu sempre fun da opinión de que onde máis brilla Luis Veira é nos guisos, neses fondos espesos e sabedores, especialmente nos mar e terra. E onte non mudei o meu parecer. Ben avanzado o longo menú, chegou un mollete de galo con berberechos e cigalas, cun mollo deses. Era contundente, si; levábamos un bo rato comendo, tamén; pero deu exactamente igual, desapareceu.

Non foi o único prato nesa liña. Antes chegaran unhas lentellas con escuma de bacallau ou unha raia á manteiga; despois, unha sinxela pescada rebozada con mollo de pementos de Padrón.

Ademais, houbo verán, moito, no menú longo de Árbore da Veira. Peixes e mariscos crus, marinados: gambas brancas (magníficas), xurelo, sardiñas, ameixas, percebes, zamburiñas. Tamén froitos vermellos e trufa de verán. E incluso, espazo para os clásicos, como esa guinda que non é unha guinda, ou o Luis Anxo Escolma de 2014 que nos bebemos, con algunha compañía adicional.

Outra noite das boas no alto do Monte de San Pedro.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar