A noite desas vieiras en NaDo (A Coruña)
Non é moi frecuente que un prato, por si só, roube o protagonismo de todo un xantar ou unha cea. Pero ás veces acontece. Aconteceu o venres no NaDo. Unhas vieiras apaxadas na brasa, apenas mornas, cunha textura indescritible; unha holandesa cremosa, co toque iodado das algas, facendo do conxunto o mar. Prodixioso, caralludo.
Na cociña, como en todo, a calidade segue unha asíntota: canto máis arriba, canto mellor o nivel, máis difícil é atinxir o seguinte chanzo. Coido que Iván Domínguez é dos poucos que está alí, nese ponto no que é capaz de incorporar eses detalles, sutís pero diferenciais, que o fan excepcional.
Falaba Iván hai pouco no Fórum Gastronómico e dicía que “cando digo que a miña cociña é sinxela, non mo creo nin eu”. É certo, de sinxela non ten nada. Facer que pareza sinxela é moi, moi complexo. E non foran só as vieiras: a ostra tralo paso pola brasa, tamén co aloumiño das algas; os callos de bacallau e o seu mollo “pegabeizos”; o trato dos vexetais: as xudías, a berenxena; até, por suposto, o pan e o flan.
Pero, síntoo, o que vai quedar desa noite no NaDo serán, para sempre, esas vieiras.
Comentarios