Inspiración en Culler de Pau (O Grove)
Sete de xullo tras sete de xullo, puntualmente, regresamos a Culler de Pau, xa hai moitos anos. Moitos máis aínda pasaran desde aquela primeira visita no 2009.
E a verdade é que a progresión ten sido abraiante. En especial nos últimos tempos, dun ano a outro nótase a evolución. Tanto, que xa teño gastadas todas as palabras para describila. Só podo dicir que cada vez gaña en completitude, en capacidade de inspirar.
Digo inspirar non só polo que chega ao prato. Digo inspirar porque Javi Olleros ten que ter uns ovos xigantes para, dispondo como dispón de toda a artillería do produto do mar galego á vista desde a xanela, tente deixar gravados nos padais unha sinxela cebola ou unha modesta acelga. E tamén o talento para atinxilo.
E digo inspirar porque todo por alí zumega humildade, materializada nese porse de crequenas de Javi cando se achega a mesa a explicar, sempre con brillo nos ollos, o seguinte bocado.
Podería falar do impresionante prato de peixe sapo (a pel, o fígado), da cigala, dos percebes, das bestiais vieiras, do pemento, do steak tartar, da pularda, do viño. Pero non vou falar eu: vou deixar que falen as fotos, que falen a cebola e a acelga...
Comentarios