Pirixel (Arteixo): bo fazer a carón dunha das praias máis fermosas de Galicia


Considérome un tipo fiel aos cociñeiros dos que gosto, xa sexa como cliente recorrente do seu restaurante, xa sexa perseguíndoos cando se van movendo. Algúns dos últimos posts (e algún dos próximos, xa veredes...) van nesa liña, como a visita a Javier Montero en Ribadeo ou o reencontro con Diego Bello en A Mundiña.

Hai moitos anos, vexo no correspondente post que en 2008, coñecín o traballo de Suso Rodríguez, por entón no arteixán Restaurante Gómez. Perdinlle a pista por bo tempo, até que o atopei de novo moi preto, no Restaurante Pirixel da praia de Barrañán.

Tardamos, pero por fin fomos o fin de semana pasado e non me sorprendeu para nada a calidade do xantar que tomamos. O salpicón de lubrigante era maiúsculo – con ese aliño que está sen estar – e moi bo tamén o arroz, ao tempo meloso e ao dente. Antes, unha veraniega ensalada de tomate, cebola e sardiña; despois, uns lombos de bonito tamén de verán, aínda con non ter chegado no climatolóxico. Non quedou espazo para a sobremesa.

Barrañán está afastado do epicentro gastronómico coruñés e o Pirixel afastado do barullo das redes sociais. Se cadra, por iso pódese achar unha cociña sinceira, de calidade e a un prezo moi razoable. ¡E a carón dunhas praias para perder horas contemplándoas!

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar