Caballa 14 (A Coruña): unha izakaya que ben vale a pena
Sao Paulo é a cidade coa maior colonia xaponesa fóra do Xapón e a súa oferta gastronómica, en cantidade e calidade, está á altura desa circunstancia. Para min, que devezo pola cociña dese país, a volta á Coruña ía ser unha perda relevante, e máis tralo peche do Óvera do gran Carlos Pérez.
Por iso, unha das primeiras cousas que fixen ao noso regreso foi ir ao Omakasé Sushi Bar, e o que alí vin deixoume coa tranquilidade de saber que, alomenos, tiñamos unha moi boa opción na cidade.
E, por iso, observei con interese a aparición de Caballa 14, pequena izakaya na rúa Orillamar, até que onte fun coñecelo. Fomos polo omakasé, que inclúe sete nigiri, sashimi, un usuzukuri e un doce, sempre coa posibilidade de recuncar ou engadir algún bocado adicional.
Gostei dos peixes e dos aliños. O ourizo foi dos mellores que teño tomado por aquí, lembrando a aquelas marabillas da costa central de Chile; moi bo o rodaballo, en sashimi ou misturado con atún nun dos nigiri da secuencia; tamén o carabinero e a cigala con guanciale; sempre resultona a carne con foie.
O shari e algúns cortes deben mellorar. Talvez, tratándose dunha izakaya, outros formatos alén do nigiri permitan sacar máis brillo ao bon tratamento do peixe e á man cos aliños.
En calquera caso, boa noticia para os amantes da cociña xaponesa: a cidade conta con outra opción que ben vale a pena.
Comentarios