Silabario (Vigo): a cociña que sabe, cheira e se sinte a Galicia


Vivín case oito anos en Vigo, boa parte deles na Avenida de Balaídos. Incluso pasei bastantes meses nun piso que me permitía ver e ouvir o balbordo do estadio en días de partido. Por aquel entón* non era habitual ter grandes bandas en Galicia, pero aínda así negueime a ir ver aos Rolling Stones e a Dire Straits: para min, o único motivo posible para pisar a herba de Balaídos era ir animar ao Dépor.

Pero antonte puxen o pé, o corpo enteiro, en Mordor 😉: entrei na sé do Celta na rúa do Príncipe. Alén dun certo desenvolvimento neuronal do meu lado, o mérito é de Alberto González, quen agora oficia baixo a cúpula de cristal no alto do remozado Mercantil, levando ao centro de Vigo o proxecto nacido en Tui.

E alí mantén esa cociña que sabe, que cheira, que se sinte a Galicia por todos lados: a berza escabechada que envolve o aperitivo de xarda, o fondo de godello para o bocado de ameixa, a castaña no estupendo consomé de pato, a cacheira á brasa na que descansa o salpicón de centola, un choco que non pode saber máis a ría, un sanmartiño abraiante...

Podería seguir un rato, pero crédeme: non teño mellor xeito de louvar Silabario que confesar publicamente a miña herexía futbolística do outro día...

(*) Foi de inicios a finais dos noventa, coincidindo co xurdimento do Superdépor e os primeiros títulos: unha boa época para vivir en Vigo 😉

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar