Voltando a Fisterra, voltando ao Fragón
Versión curta. Fai a reserva, colle o coche, disfruta das paisaxes da Costa da Morte e xanta de marabilla no Fragón, mentres segues disfrutando das paisaxes.
Versión longa. Non foi preciso nin poñer o despertador. Pouco máis de unha hora de viaxe, paseo pola praia do Rostro, visita ao Faro - mellor desde o alto do Facho, sen ninguén nun soleado domingo de abril -, pequeno percorrido polas rúas de Fisterra e caña nunha das terrazas do porto. Un plan de mañá estupendo para facer fame antes de chegar ao Fragón.
Mergullamos no menú O’xanuario, que toca todos os paus: despois dos petiscos, produto puro: uns percebes de agarrarse; tamén produto, ben matizado na cociña, cuns longueiróns aveludados - case os primeiros da tempada - con pilpil de rodaballo; da horta de Vimianzo, chícharos bágoa con azafrán, coliflor e améndoa; a robaliza estaba impecable e o año, envolto en repolo e cun lixeiro escabeche, foi un peche do salgado moi equilibrado. Aínda quedaban os queixos e os doces.
Todo iso da man dun espléndido Pazo de Señoráns 2014, complementado cara ao final cunhas copas de Amorodos, de Atrium Vitis, que facía honra ao seu nome. E acompañado, todo o tempo, dunhas vistas espectaculares ao litoral fisterrán.
A día de hoxe, o Fragón é unha das miñas opcións preferidas para disfrutar de Galicia con todos os sentidos. Non falo á toa: velaquí a visita anterior, no verán pasado.
Comentarios