Hotel Balarés (Ponteceso): a cociña que pide a Costa de Morte
Diante desa xanela infinita á ría de Corme e Laxe, conta Rafa que o Hotel Balarés érguese hoxe en terras que século e médio atrás eran dos Pondal. Conta, tamén, que o piñeiral de Balarés inspirou, en boa medida, a Don Eduardo para escreber as Queixumes dos Pinos. Conta despois Silvia, o mar sempre de fondo, que agora, nese recanto da Costa da Morte, está cociñando feliz, facendo o que lle peta, o que sinte.
E claro, tras camiñar polas rochas do Roncudo, tras escoitar esas historias e sentimentos, resulta moi difícil matinar algo que represente mellor Galicia. Temos na Costa da Morte un tesouro que, acredito, aínda non aprendemos a valorar.
Antes, chegaran á mesa uns berberechos deses gordos, apenas fervidos, que estouraban na boca; uns calamares con chícharos bágoa e ovos, sutileza feita prato; unha robaliza perfeita de ponto coa compañía dun repolo que, afortunadamente, vaise facendo espazo nos pratos nobres; e un arroz de vaca e cogumelos para fechar. Na copa, un Attis Embaixador que sempre é unha magnífica escolla.
Seica alemáns e ingleses son os que enchen o hotel na primavera e no verán, os que disfrutan das lareiras e das sardiñas en xuño, os que escoitan as queixumes dos pinos. Cando imos valorar na súa xusta medida a maxia da nosa terra?
Comentarios