A maxia do lume en Asador O'Pazo (Padrón)
Chovía. Chovía de carallo. Noite, vento, frío: un completo de inverno galego, vaia. O paseo polo empedrado centro de Padrón durou como cinco minutos, non daba para máis*.
Dúas horas máis tarde, corríamos do coche á entrada do Asador O'Pazo para non empaparnos. “Xa pode valer a pena”, pensei. Só uns momentos despois, sentado no salón do aperitivo, cunha copa de champán na man e ollando para aquel carro co material da noite (foto de apertura, e o chuletón estaba fora de foco), desfixéronse todas as dúbidas.
E así, primeiro no salón e logo no comedor, foran desfilando ostra, pementos, centola, ourizo, vieira, lubrigante, choco, coquinas, foie, palometa vermella, chuletón de vaca... Todos dunha calidade abraiante. Todos arredor dun fío condutor, ese ponto de brasa tan difícil de acadar: presente no punto do peixe, do marisco, da carne; presente no cheiro, no afumado; pero só sutilmente presente, o suficiente para mellorar un produto xa de por si magnífico.
Valeu a pena mollarse, vaia se valeu.
(*) Afortunadamente, fixera as tarefas e tiña identificada a Taberna A Filoxera. Non paseamos, pero bebemos moi ben!
Comentarios