Albanta (Pontevedra): os aloumiños sutís do lume


Nunha preciosa casa de pedra restaurada ás aforas de Pontevedra, as grandes pilas de leña xunto á entrada expresan claramente a intención de Albanta: o lume como fio condutor do que alí vai acontecer.

Efectivamente, ao longo do menú, un moi matizado afumado lembra en todo momento como se están cociñando os pratos. Un menú que alcanza o seu cumio nos pratos nos que o fogo só aloumiñou o necesario para acadar o ponto exacto: as cocochas de merluza con chícharos, o polbo con fabas ou a ventresca de atún, sutís e saborosos. Temos tamén pratos de produto puro, as gambas brancas ou un lubrigante monumental.

A carta de viños ten un nivelazo, non só nas moi ben escollidas opcións do país, senón tamén extranxeiras, especialmente Francia.

Persoalmente gosto moito deste tipo de cociña: porque por definición require un respeito máximo ao produto; e porque é unha excelente mostra do grau de dificuldade que se agocha tralo (só en apariencia) sinxelo.

Por iso vou procurando lugares como Albanta ou Material, e en breve coñecerei (por fin) o Asador O Pazo. Marcan un camiño que, ao meu modo de ver, debe ser unha aposta forte en Galicia.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar