O Bocho: unha boa opción en Laxe
Hai algo moi especial en ver como agroman proxectos gastronómicos interesantísimos en vilas e aldeas, en recunchos por toda Galiza, de Boqueixón á Serra de Outes, de Mazaricos a Malpica, de Ponteceso a Ribadeo. Dalgúns, de bastantes, xa teño contado por aquí.
Porén, aínda hai moito por facer cando falamos dese nivel medio, máis cotiá, que eu coido que non está á altura do que podemos dar. O outro día, en Laxe, queríamos ter un xantar rápido – pero bo, con material da zona – antes de dar unha camiñada polo faro e a praia de Soesto. Unha rápida pescuda en redes, un ollo polos locais máis preto do porto, e demos co Bocho.
O inicio non foi moi prometedor: unha resposta dese xeito cando tentamos reservar un anaco antes, unha carta de viños que confundía castes con DOs, unha aparencia máis de bar que doutra cousa. Pero o expositor co peixe fresco (o lugar está a poucos metros da lonxa) e un Instagram que suxería un bo trato da brasa fixeron que ficáramos.
¡Que positiva sorpresa! As ameixas coas que comezamos estaban moi boas. Pero, sobre todo, o peixe estaba espectacular. Escollemos dúas boas pezas, unha de sargo e outra de robaliza, prezadas ao peso, e chegaron cun punto de brasa caralludo, sorprendentemente bo. E cun prezo moi razoable.
Mágoa que, en xeral, non teñamos ese puntiño de inquedanza por botarlle un pouco máis de mimo e xeito á cousa, algo máis de oficio e coidado. Porque o produto está aí, a paisaxe está aí. E até os Bochos están aí, talvez agardando.
Comentarios