Gunnen (A Coruña): a volta de Chechu Rey (que, en realidade, nunca marchara)


Entre o Chechu Rey do Agar Agar e o Chechu Rey do Gunnen hai case quince anos de tempo, co que iso supón en termos de madurez en calquera persoa. Pero tamén hai unha importante traxectoria lonxe dos restaurantes, que non lonxe dos fogóns: cociña corporativa, grandes producións que obrigan a cálculos milimetrados (de custos, de persoal) e unha relación case simbiótica co fornecedor do produto local.

Pero o becho da sala picaba e, só hai tres semanas, abría en Matogrande o Gunnen. Unha sala con tres mesas e unicamente con menú degustación, para o que tamén hai tres opcións.

E vaia se está presente a bagaxe á que me refería antes. Pratos pensados, equilibrados, buscando unha liña diferente do que se pode atopar na cidade, pero sen excesos e co produto sempre moi presente. Os snacks e a secuencia de entrantes son magníficos, con algúns pases excelentes: a cigala con verdinas e ajoblanco, a lura en tempura cun pil pil de limón, as vieiras con salvia. Quedan por facer os axustes normais nunha apertura, como o prato de mero, fantástico de tersura e punto, pero que non terminaba de callar co seu acompañamento: nada que non se poda solventar. Mención especial tamén para as sobremesas e para a adega coa axuda de Choiva Viños.

En fin, una nova opción na cidade que vai dar moita ledicia, porque hai paixón, hai pes na terra e, sobre todo, porque hai cociña.

Comentarios

Deixa o teu comentario...

Arquivo

Formulario de contacto

Enviar